Friday 17 de May de 2024

A exposición “Arte Ambulante” de A Colectiva regresa a Neda con novas propostas e artistas


Inauguración e visita guiada á mostra este sábado ás 20 horas

A Colectiva – Asociación Profesional de Artistas de Galicia- presenta no Concello de Neda a exposición “Arte Ambulante” cun conxunto de actividades asociadas. A mostra busca achegar ao público ás diversas miradas que adopta a arte contemporánea na actualidade, a través de disciplinas como a pintura, a fotografía, a instalación, a escultura e o medio audiovisual: un percorrido polas linguaxes e formas de facer que compoñen hoxe en día a actividade creativa, convidando á veciñanza e ás visitantes doutros lugares a establecer unha relación de cercanía e empatía cos proxectos presentados.

Permanecerá na Casa das Palmeiras ata o 19 de novembro, e este sábado 5 de novembro ás 20:00 horas celebrarase o acto de inauguración e visita guiada por parte dos/as artistas. A partir de entón, poderá visitarse de luns a xoves de 17 a 19 h, e os venres de 11 a 13 h.

A exposición complementarase obradoiros, contando sempre coa participación das artistas.

MÁIS SOBRE A EXPO
Arte Ambulante é un proxecto de A Colectiva co apoio da Deputación da Coruña, que busca a dinamización social das comunidades municipais, empregando como recurso un conxunto de actividades asociadas a exposicións de arte contemporánea con autoras galegas.

Este é o cuarto ano consecutivo que A Colectiva leva a cabo a proposta expositiva de Arte Ambulante, e o segundo que ten como anfitrión ao Concello de Neda. Como en cada edición a mostra busca ofrecer un breve pero coidado panorama da arte contemporánea galega, seguindo criterios de paridade e buscando un equilibrio na representación das disciplinas.

Hai artistas que traballan a partir do que xa existe para dotalo dunha nova identidade, para facernos mirar máis alá do seu uso tradicional. Así, Rosendo Cid realiza pequenas esculturas con obxectos cotiáns, compoñendo novas lecturas a través da colaxe. Sobre os tránsitos e as identidades reflexiona Iago Eireos, que emprega negativos sobre cristal dos anos 30 recuperados nun mercado na rúa intervíndoos para xerar outras historias e narracións. Como en moitas das obras de Doa Ocampo pensadas para o espazo aberto, nesta ocasión presenta unha bandeira que funciona como unha declaración poética, dándolle a volta ao seu concepto orixinal.

Outros artistas achéganse ao son e ao medio audiovisual. É o caso de Berio Molina, quen relaciona a caligrafía coa acción sonora, establecendo unha relación entre a letra, a escritura e o son a partir das friccións producidas entre un micrófono e unha mesa. Reflexionando sobre o son e o acontecemento, Juan López emprega a modo de lenzo unha pandeireta impregnada de pintura negra, acompañada dun video onde visualizamos os movementos e ritmos do instrumento sen poder escoitalos.

A través da mirada fotográfica, as imaxes de Ariadna Silva achéganse aos montes galegos, rexistrando indicios do que foron, imaxes do que son, e certos temores respecto do que serán. Tamén en fotografía exprésase Sabel Eiriz, mediante un achegamento persoal e poético, traballando en series nas que as imaxes establecen diálogos entre elas. Do mesmo xeito, as propostas de Paz Vicente nacen da experiencia persoal, falan do seu mundo interior, do paso do tempo, do tránsito da vida e da idea da identidade nunha lírica proposta de foto-escultura en caixas de luz.

No campo da pintura, Sofía Piñeiro propón recoñecibles situacións cotiás que perden algúns dos seus detalles, encamiñando a obra cara á abstracción, pero tamén xerando certa atmósfera inquietante no mundo do máis cercano. Noutra liña, na obra de Manuel Eirís a pintura pronúnciase abstracta, dialogando co skate como dous corpos que practican o mesmo exercicio, que repiten movementos e xestos.